Boas novas para para todos os usuarios e usuarias da Escola de Tenis de Cluteca. O Concello de Cangas ven de comunicar a Autorización por parte da Xefatura Territorial da Xunta en Pontevedra para o uso do Pavillón do CEIP de San Roque, o que implica que nos próximos días retomaremos as clases de tenis seguindo os protocolos COVID determinados polo Concello, Xunta e a Federación Galega de Tenis.
Neste senso, un dos requisitos recollidos na lexislación indica que unicamente se permitirá a participación na escola a persoas federadas, polo que será imprescindible solicitar a licenza federativa á FGT antes de voltar as clases. Esta solicitude farase a través do club, unha vez que informedes ao Director Deportivo da Escola, Jorge González, da vosa intención de retomar as clases de tenis.
Os prezos das licenzas, no caso de ser a primeira vez que se solicita, son 15 € para xogadores de ata 18 anos e 25 € para maiores de 18. Se xa se tivo algunha vez unha licenza ou participado en cursos de promoción, os prezos son 22 € para xogadores de ata 18 anos e 44 € para maiores de 18.
Debido a este gasto persoal extra necesario mentres a normativa manteña a esixencia das escolas deportivas só para participantes federados, Cluteca ofrece unha baixada na cuota mensual de participación na escola de 2 €, de xeito que parte dese gasto na licenza sexa asumido polo club. De xaneiro a agosto suporía un aforro de 16 € nas clases.
Engadir que desde o pasado fin de semana, os nosos equipos en competición no Campionato Galego por equipos xa están a utilizar tanto as pistas exteriores como, a partir do vindeiro, o pavillón de San Roque para disputar os partidos na casa, grazas á gestión feita desde o club e a colaboración prestada por todos os organismos implicados no funcionamento das instalacións, CEIP de San Roque, Concello e Xunta.